quarta-feira, março 22, 2006

"Alegoría do ensoño ferido" de Mª do Carme Kruckenberg

"Levo tantos anos coas azas cortadas
que non sei a razón que me volve o latexo,
quizais sexa o tempo que me arricou a pola
da mais ergueita folla dos anceios.
Ou quizais sexa o desleixo que fura
como a pinga incesante do lamento.
Unha agarda, e non sabe o que se agarda.
E a esperanza esmorece
escorregando polos muros dos cemiterios
donde foron queimando amor, os enamorados
esquencidos de bicos e tremores.
Non sei se agora ou sempre
teño necesidade dun suspiro,
aínda que non saiba achegarme ó agarimo
dun corpo intacto."


E o camiño que está borroso hoxe e mañá. Quizais pasado. E non saber que facer. Nin un suspiro deitado na sombra. E os agarimos rexeitados con rudeza mañán serán lembranzas tristes e arrepentimento. Quen puidera coñecer o futuro ou saber discernir o camiño mellor...

quarta-feira, março 15, 2006

"Discusión sobre o pecado" de Georges Bataille

" J. HYPPOLITE: O que é grave non é pois o pecado senón a mediocridade, que non é nin a gracia nin o pecado.

M. DE GANDILLAC: Mais esta mediocridade non ten o senso tráxico do pecado experimentado como tal. Trascendemos radicalmente a esfera do aburrimento a partir do intre en que penetramos na esfera da culpabilidade, dramaticamente consciente"


Mediocridade ou pecado? Que se vos antolla máis apetecible?

sábado, março 11, 2006

"Ruído" de Luísa Villalta

"O solitário morde a brisa da tarde
coma se fose o último anaco de pan.

Cada centímetro de distáncia é insalvábel
por iso afirma non poder regresar.

Ascende polo frio, de espaldas á voz
que o reclama nos lindes da inmensa herdade.

Desde o siléncio ódia o siléncio
que os bons dias ocultan amabelmente.

O solitário sempre ten fame e sede
porque vive da brisa como un rio que se perde."


Eu son hoxe ese solitario que odia o silencio. Hox son ele porque teño frío e teño fame e sede e non sei como saciarme e taparme. Non sei como amosar ao mundo que son home e non deus.
Hoxe quixera non regresar nunca, e ficar neste mundo de non-vida, de soidade resignada, de follas en branco.
Hoxe quixera poder dicirche que non te necesito, que en realidade nunca te necesitei. Dicilo e que soase a verdade. Dicir que cando non estás aquí non te estraño, non teño frío. Poder pensar alén de ti. Imaxinar a vida se ti non irrumpises nela cando xa o tiña todo planificado, e ti non entrabas nos meus plans.
Tan difícil é explicar que aínda non podo entender que me queiras tanto?

sexta-feira, março 03, 2006

"O ollo pineal" de George Bataille

"A un home situado no medio dos outros homes irrítalle saber por que el non é un dos outros.
Deitado nunha cama ao carón dunha rapaza que ama, esquence que non sabe por que é el, no canto de ser o corpo que toca.
Ignorándoo todo, sofre a causa da oscuridade da intelixencia, que lle impide berrar que el mesmo é a rapaza que esquence a súa presencia axitándose nos seus brazos.

(...)
Esforzaranse en se buscar avidamente uns aos outros: nunca atoparán máis que imaxes paródicas e durmirán tan baleiros coma os espellos."
E eu hoxe xa non sei se serei eu. Nen se será este o meu corpo.
É demasiado difícil recoñecerse ás veces