quinta-feira, abril 27, 2006

"The warning", de Adelaide Crapsey

"Just now,
Out of the strange
Still dusk... as strange, as still...
A white moth flew. Why am I grown
So cold?
"

(tradución libre: O AVISO. Aínda agora,/do estraño,/ do silencioso anoitecer... tan estraño, tan silencioso.../ unha branca bolboreta voou. Por que fiquei/ tan frío?)

Ao meu carón había un vello con gabardina sentado. A súa muller estaba a uns metros, pero el non quería sentar con ela. Quería pechar os ollos e quecerse ao sol. Máis adiante uns rapaces tocaban a guitarra e cantaban, e un pai xogaba á pelota co seu fillo. Eu estaba na platea, señores. Mirábaos a eles, pero eles non me vían a min.
Podo dicir se errar que non existín durante unha tarde. Que vivín durante unha tarde a vida doutros. Actores que pasaban diante dos meus ollos representando un papel calado ate as entrañas.
Facía tempo que non o facía. Que non cabalgaba eu só enriba do meu propio lombo, oíndo as voces dos demais coma un decorado, coma os chíos dos paxaros lonxanos que voan cara o calor. E pensei, pensei moito. Pensei en mañá, en pasado. Quizais en onte. Pensei en ti, en vos. En quen aínda non coñezo.
E pensei en min. E despois busquei un espello porque non fun capaz de atoparme por dentro.

terça-feira, abril 25, 2006

"Calígula" de Camus (adaptación)

"A xente quere pensar que un home sofre porque a persoa a quen ama chega un día que morre... Pero non se decata de que a súa dor é aínda máis terrible: consiste en descubrir que nin sequera esa pena dura moito. Que nin sequera a dor é capaz de lexitimar o seu sentido"




E se cando marches non te boto de menos. Que pasará cando xa non te queira e non sexa quen de
decatarme?

quinta-feira, abril 13, 2006

"Berlín" de María Lado

"que por deitar eu a cabeza no teu peito
o mar andou detrás da lúa para atoparnos
e así, chegou ata as lousas da quintana
onde agarda todas as noites para separarnos
e levarme dentro
ao sitio do que eu veño.
e pálidas, as horas de berenguela acompañan a marea
que só descansa co sol do mediodía.


así foi o océano na cidade
-conteiche. ata que quedaches durmido.
e batía forte na fonte dos cabalos."


diciades que a Lúa estaba a rirse de nós. eu non sei como podiades sabelo. e non obstante pasaría toda a vida a mirar pra ela. a alzar a man e tentar tocala, rozala coas puntas dos dedos. achegarme ao calor que desprende e durmir no seu colo morno toda a noite e a vida toda. díxenche: ás veces non pensas que se estiras ben a man podes chegar a tocala? veña, inténtao! e ti alzaches a man coma buscando algo e respondiches decepcionada que non. ese foi o día que comprendín que está no meu camiño buscar a Lúa, e que non vas ser ti quen me acompañe. quizais deba buscar só. mentres, pararei a beber na fonte dos cabalos. alí nos separaremos

segunda-feira, abril 03, 2006

"O corazón delator" de Allan Poe

"É certo! Sempre fun nervioso, moi nervioso, terriblemente nervioso. Mais, por que afirman vostedes que estou tolo? A enfermidade agudizara os meus sentidos, no canto de atoalos ou destruílos. E o meu ouvido era o máis agudo de todos. Oía todo o que pode ouvirse na terra e no ceo. Moitas cousas oín no inferno. Entón, como podo estar tolo?"



E vexo monstros onde só hai aire e vexo sombras onde máis claro loce o sol. Cren vostedes que estou tolo? Poden crelo sen saber a miña historia? A quen lle interesa a historia dun servo que chegou a deus?
Ás veces, coma o meu amo, eu tamén soño posuír a Lúa